Thursday 02 de May de 2024

Este domingo, todo o mundo animar ao Sansa no campo da piscina!


CF San Sadurniño e Amizade de Meirás disputarán no campo municipal dos Currás a final do título de consolación da Segunda Galicia zonal

 

Trala celebración a pasada fin de semana dos 50 anos da UDC Narahío e da oitava carreira popular, este sábado e máis este domingo volven vir marcados polas citas deportivas. Máis en concreto polo fútbol, que nos depara dous apaixoantes encontros no campo da piscina. O primeiro será a disputa do Trofeo CF San Sadurniño da categoría infantil entre a Escola de Fútbol Irmandiños e a SD O Val -11:00h.-, mentres que o segundo xogarase o domingo a partir das 18:30h enfrontando ao Sansa coa EFB Amistade de Meirás na loita polo título de consolación da Segunda Galicia.

Ambos equipos chegan a esta final despois do encontro de ida xogado a fin de semana pasada no campo municipal de Mourente, en Valdoviño, onde o San Sadurniño foi capaz de erguer un partido que, en principio, tiña perdido.

O Amistade chegou ao descanso coa vantaxe de dous goles marcados por Kon e Noel que, sen embargo, non foron marxe suficiente para evitar a victoria laranxa tras unha segunda metade en que os rapaces de Carlos Teijeiro recompuxeron o xogo con máis presión e efectividade no control do balón.

Unha mudanza de estratexia tralo paso polo vestiario traduciuse en maior posesión do balón, unha defensa a toda proba e, o importante, en maiores oportunidades na área contraria. Tal foi así que o Sansa foi quen de remontar e darlle a volta ao partido, con goles de Antón Senra, Nacho Grimaldi e Isma Graña.

O 2 a 3 do encontro de ida dálle certa tranquilidade ao CF San Sadurniño para recibir á EFB Amistade no campo da piscina este domingo 11 de xuño ás 18:30h. Porén, o equipo non dá nada por ganado e saltará ao céspede artificial co obxectivo de facerse co título de consolación da categoría zonal da Segunda Galicia, na que ambas escuadras remataron a liga na cabeza dos grupos D1 e D2, mentres que a loita polo ascenso era cousa do grupo C.

Quentando motores para o torneo de fútbol base da fin de semana que vén
Ademais deste encontro que promete encher as bancadas do campo dos Currás na tarde do domingo, o sábado pola mañá tamén temos na piscina fútbol infantil. Será a partir das 11:00h no Trofeo CF San Sadurniño que xogarán a Escola de Fútbol Irmandiños e a SD O Val.

O partido anticípanos en certo modo a grande festa deportiva dos días 16, 17 e 18 de xuño no municipal, dentro do XVII Torneo de fútbol 8 que converterá San Sadurniño na capital comarcal do fútbol base.

Na xornada do venres, entre as 16 e as 21:30h xogarán os equipos da categoría prebenxamín; durante todo o sábado tocaralle a vez ás eliminatorias, semifinais e finais de benxamíns e, por último, o domingo disputarase a competición de alevíns.

Durante esa fin de semana, a rapazada gozará non só dos encontros, senón tamén da piscina municipal, aberta de maneira anticipada para as nenas e nenos que participen no torneo.